Ondas Novas premiará a retirada de colillas e microplásticos dos espazos naturais con horas gratuítas de aluguer de táboas e neoprenos

A iniciativa da escola de surf, de recente creación, inclúese no programa de voluntariado medio ambiental presentado ao Concello de Valdoviño

Valdoviño, 8 de xullo de 2022. A escola de surf Ondas Novas activa unha novidosa campaña medio ambiental coa que busca implicar á veciñanza no coidado e preservación dos espazos naturais de Valdoviño. Así, premiará a retirada de colillas e microplásticos con horas de aluguer gratuíto de táboas de surf e neoprenos para a práctica deste deporte. A iniciativa inclúese no plan de voluntariado ambiental presentado ao Concello no marco do proceso de concesión de autorizacións ás escolas de surf para desenvolver programas formativos nos areais do municipio.

Pedro Navarro, ao fronte desta escola de nova creación, explica que bautizou a iniciativa co slogan «Lixo x Ondas», e que para participar é tan sinxelo como realizar a recollida das colillas ou microplásticos e encher 2 recipientes; facer fotografías ou vídeos dos espazos nos que se leva a cabo a retirada; subilos ás redes e etiquetar á escola (@ondasnovas -Instagram- e @OndasNovasSurfingPantin -Facebook-).

Así mesmo, Navarro incide na importancia deste tipo de accións, con participación veciñal, para a preservación do medio, xa que unha simple colilla pode contaminar ata 500 litros de auga, e tarda en degradarse uns 10 anos.