Ondas Novas convida a nenos e maiores a surfear nunha xornada de portas abertas en Pantín

A actividade forma parte do programa de promoción do deporte en Valdoviño

Valdoviño, 10 de outubro do 2025. As escolas de surf do municipio continúan ofrecendo novas actividades gratuítas no marco do programa de promoción do deporte local que impulsan co Concello de Valdoviño. Nesta ocasión, Ondas Novas organizará unha xornada de portas abertas o sábado 18 de outubro na praia de Pantín -podería mudar de areal se as condicións meteorolóxicas así o aconsellasen-. Está dirixida a persoas de todas as idades, e tamén condicións físicas e niveis. Dende aqueles e aquelas que nunca subiron a unha táboa ata aqueles outros que desexen refinar a súa técnica. Haberá dúas sesións, de mañá e de tarde, e en función das inscricións realizarase a incorporación a un ou outro grupo.

A escola proporcionará todo o material necesario, as prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Dende xa, poden reservarse a través do correo info@ondasnovas.com ou teléfono 644 420 321.