Oito comparsas participarán este sábado no concurso do Festival de Entroido de Valdoviño
O Concello volve apostar pola “galetiktoker” Leti da Taberna para presentar o certame
Valdoviño, 3 de marzo do 2025. Valdoviño ultima os preparativos para a 25 edición do seu Festival de Entroido, que terá lugar o sábado 8 de marzo. A boa acollida brindada desta volta ao tradicional concurso de comparsas obrigaba ao Concello a recorrer ao sorteo para elixir ás agrupacións de fóra do municipio que finalmente participarán nesta cita, que conducirá, por segundo ano, a “galetiktoker” e monologuista Leti da Taberna, coa súa característica retranca.
Tal e como recollen as bases do certame, serán un total de oito as comparsas que poderán optar a conseguir un dos tres premios previstos nesta categoría (550, 460 e 390 euros, respectivamente), o resto terán dereito a unha gratificación por participar.
Finalmente, a lista de participantes inclúe tres comparsas de Valdoviño (Os Faranduleiros, CRA O Esquío, e Fochancas). Do resto da comarca chegarán As Xoaniñas de Chao, Os Colludos, Os Scratchados, Semente de Trasancos, e Forever. Fóra de concurso, está previsto que se sume tamén ao desfile O Cafetal.
Completado o desfile, que sairá ás 17.30 horas, da contorna do Concello, cada unha das agrupacións interpretará ante o público congregado no anfiteatro da Casa da Cultura un máximo de dúas cancións ou de dúas parodias, ou ben, unha parodia e unha canción. Polo menos unha delas terá que estar escrita en lingua galega, e un dos temas deberá obrigatoriamente versar sobre Valdoviño. A vestimenta e a orixinalidade, a simpatía ou a posta en escena serán algúns dos aspectos que valorará o xurado.