Oito comparsas participarán este sábado no concurso do Festival de Entroido de Valdoviño
Abrirase un prazo de última hora para apuntarse na categoría individual do concurso de disfraces
Valdoviño, 7 de marzo do 2025. Valdoviño vivirá este sábado o día grande do seu carnaval. A 25 edición do Festival de Entroido, desenvolverase a media tarde deste sábado no anfiteatro da Casa da Cultura, precedido do tradicional desfile de comparsas e disfraces. Un pasarrúas cheo de música e de animación, que arrincará nas inmediacións da Casa do Concello, a partir das 17.30 horas.
O certame, presentado pola “galetiktoker” Leti da Taberna, contará co habitual concurso de comparsas –desta volta, actuarán Os Faranduleiros, CRA O Esquío, Fochancas, Os Colludos, Scratchados, Xoaniñas de Chao, Semente de Trasancos e Forever- e, como non, co concurso de disfraces.
Neste sentido, cómpre lembrar que xa está pechado o prazo de inscrición de parellas e grupos, pero que existe un prazo inscrición extra (sábado, de 16:30 a 17 h na entrada da Casa Consistorial) para que se anoten os participantes individuais de última hora.
Comparsas e disfraces terán que pasar a avaliación do xurado, que terá en conta criterios como a orixinalidade e creatividade dos disfraces, a súa elaboración artesanal e complexidade, a simpatía dos participantes ou a posta en escena.
En xogo, tres premios para as comparsas (550; 460, e 390 euros; recibindo as restantes unha gratificación por participar de 300 euros); dous premios para os grupos (250 e 150 euros); un premio de 100 euros para a mellor parella e outro de 50 euros para o mellor disfrace individual.
Dende o Concello de Valdoviño anímase a todos os veciños e veciñas a disfrazarse e participar do desfile que precederá ao festival. E apúntase que, no caso de chuvia, a festa comezará directamente ás 18 horas na contorna da Casa da Cultura.