Ofrendas florais polas vítimas da Dictadura franquista
Organizadas polo Concello de Valdoviño e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática desenvolvéronse na Frouxeira e en Pantín
Valdoviño, 3 de novembro do 2026. O Concello de Valdoviño e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática realizaron esta mañá sendas ofrendas florais en lembranza e homenaxe ás vítimas do Golpe Militar, a Guerra e a Ditadura franquista. Foron dous actos sinxelos no mes no que se conmemora a aprobación da Lei de Memoria Democrática, e uns días antes do pleno no que se someterá a aprobación o regulamento do Consello Sectorial da Memoria democrática do Concello de Valdoviño, o paso previo para a súa creación e posta en marcha.
A ofrenda realizouse por partida dobre. Nun primeiro momento, na praia da Frouxeira, no camiño tradicional de entrada ao areal onde, segundo testemuños de persoas que traballaron na praia e no mar, terían acontecido os fusilamentos de Porto Leis, último alcalde republicano de Serantes, e máis os seus compañeiros. A homenaxe tamén se estendeu a Pantín, aos pés da placa instalada en 2005 na que se lembra aos mestres represaliados en 1936: Frutos Burgos Ramos (Pantín); Reinaldo Sarria Delgado (Aviño); José Ambrós Gordillo (Porto do Cabo); Manuel López González (Atios), e Joaquín Pérez Garre (Vilaboa).
