OcioSol 2024 propón ximnasia, baloncesto, tenis, fútbol, atletismo e multixogo na Frouxeira

O Concello abre inscricións na programación deportiva de verán

Valdoviño, 12 de xuño de 2024. O Concello de Valdoviño lanza a programación de actividades deportivas de verán, OcioSol 2024. A oferta, dirixida a nenos/as e maiores, inclúe clases de ximnasia de mantenemento, baloncesto, fútbol sala, tenis, atletismo e multideporte. Celebraranse de luns a venres en horario de mañá, con 2 clases á semana por actividade, e terán como escenario a privilexiada contorna da Frouxeira. Así, a pista deportiva sita nas inmediacións do cámping municipal e parque infantil volverá acoller a programación, e no caso de choiva, habería 2 emprazamentos alternativos: o pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, e a casa da cultura para as clases de ximnasia.

A solicitude de praza en OcioSol 2024 pode realizarse dende xa a través dun formulario habilitado na web municipal www.concellodevaldovino.com 

O custe das actividades é de 7,37 euros/mes e de 8,86 euros/mes no caso de ximnasia de mantenemento para persoas adultas, e o Concello pon a disposición da cidadanía o teléfono 626 46 55 31 para solventar calquera dúbida ou atender consultas -de luns a venres de 9:00 a 13:00 h-. No caso de que a demanda exceda a oferta, terán preferencia na concesión as persoas empadroadas en Valdoviño.

Esta mesma semana avanzarase tamén a programación de cursos e actividades na piscina municipal de Lago.

FORMULARIO ONLINE