Obras no Punto de Atención á Infancia para adaptar as instalacións ós protocolos de prevención fronte á COVID-19

As traballadoras están a recibir formación específica e o Concello vén de adquirir equipos e produtos específicos para a limpeza e desinfección do centro

O Concello de Valdoviño está a realizar diferentes actuacións na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para adaptar as instalacións aos protocolos de prevención fronte á COVID-19 estipulados polas Consellerías de Política Social e de Sanidade. O curso arrancará o 4 de setembro segundo esas mesmas directrices, e o Concello quere facelo coas máximas garantías posibles para os 13 nenos e nenas que formalizaron a súa inscrición no mes de xuño.

 

Deste xeito, o equipo do PAI leva semanas traballando para adaptar as normas de funcionamento ás pautas marcadas e, a maiores, as directrices esixidas obrigan a acondicionar o espazo. Así, na parte frontal estase a crear un acceso á entrada actual onde as familias deberán deixar aos nenos e nenas. Iso si, de forma escalonada. Evitarase así que os proxenitores accedan ao interior -salvo causa de forza maior-, minimizando riscos e contactos. Para tal fin estase a realizar unha estrutura de madeira e cristal.

 

Ademais, crearase unha aula independente no exterior do inmoble que servirá de espazo de illamento no caso de que algún/ha menor presente síntomas compatibles coa COVID-19. Deste xeito, a crianza agardará acompañada por unha educadora pola chegada da súa familia evitando de inmediato o contacto cos demais nenos e nenas.

 

Así mesmo, as traballadoras están a recibir formación específica en materia de prevención da COVID-19 e a limpeza das instalacións será continua, con produtos especiais. Nesta liña, o Concello vén de adquirir un equipo para a desinfección a temperatura axeitada dos elementos de xogo.

 

Pola súa banda, a Consellería de Política Social comprometeuse a remitir semanalmente ao centro material de protección básico -máscaras cirúrxicas, solución hidroalcohólica, luvas, desinfectante superficies-, así como material de protección avanzado para que se dispoña do necesario no suposto de se produciren casos sospeitosos de contaxio ou positivos no centro.