Obras de mellora do firme en varios puntos da estrada AC-566 ao seu paso por Valdoviño
A Xunta vén de licitar a intervención para iniciala no verán
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar obras de mellora de firme da estrada autonómica AC-566. A plataforma de contratos públicos de Galicia publicaba o pasado luns a licitación, xunto con outras intervencións na AC-101 e AC-110, abrindo así o prazo de presentación de ofertas (ata o 18 de maio). Nas tres actuacións investiranse cerca do millón de euros.
A Xunta sitúa o inicio das obras no verán, co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, e consistirán no acondicionamento da capa de rodadura da estrada. Máis concretamente, entre os puntos quilométricos 1+100 (Narón) e 8+000 (Valdoviño, á altura de Sequeiro), 16+150 e 17+150 (ambos en Valdoviño, á altura de Pantín) e do 29+200 ata o 41+400 (Cedeira).
Os traballos inclúen a mellora do firme da estrada mediante o fresado de 5 centímetros da capa de rodadura e posterior reposición mediante unha capa de mestura bituminosa do mesmo espesor.
Na zona non urbana da citada estrada realizarase tamén a limpeza e reperfilado dos noiros e tamén se reporán as marcas das vías nas que se actúa e en todos os cebreados e marcas do vial. Ademais, nos treitos máis avellentados e lixeiramente fisurados, sinuosos ou esvaradíos da AC-566, estenderase una capa de microaglomerado.
Nesta estrada, no punto quilométrico 6+900 (Valdoviño, á altura de Sequeiro), tamén se reforzará a seguridade nas paradas de autobús mediante a pavimentación con 21 centímetros de formigón, limitada con bordos.