Obras de mellora da eficiencia enerxética no local social de Vilaboa
O Concello vén de concluír a renovación das fiestras de madeira por outras de aluminio con rotura de ponte térmico e doble vidro
Valdoviño, 18 de xaneiro de 2022. O local social de Vilaboa conta xa con novas fiestras. O Concello de Valdoviño procedía a renovación das carpinterías da primeira planta por outras de aluminio lacado con rotura de ponte térmico e doble vidro. Unha intervención coa que mellorar o illamento térmico do inmoble e facelo máis eficiente enerxeticamente. O alcalde, Alberto González, explicaba esta mañá que a actuación saía a contratación xunto con outras obras de mellora do local social de Montefaro (Meirás), a piques de rematar, así como que no seu conxunto, o investimento rondou os 50.000 euros.
Nos dous casos, os traballos inclúense nas intervencións de mellora dos locais sociais de Valdoviño que, no caso do edificio de Vilaboa, contemplou tamén a recente mellora do acceso, co asfaltado da parte dianteira, e a colocación dun novo peche de malla metálica nos lindes norte e oeste.