Obradoiro creativo e espectáculo coa maxia dos contos para celebrar o Día do Libro en Valdoviño
O Concello programa este venres pola tarde na Biblioteca Municipal o taller “O meu caderno de lecturas”, de iniciación ao método Zentangle, e o show “A maxia dos contos” do Mago Teto
Valdoviño, 23 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño conmemora o Día do Libro convidando a nenos e maiores a participar no obradoiro creativo «O meu caderno de lecturas» e no espectáculo do Mago Teto «A maxia dos contos». As dúas actividades, de balde, celebraranse este venres 25 de abril na Biblioteca Municipal.
O obradoiro comezará ás 17:30 horas, con prazas limitadas que se cubrirán por orde de chegada, e está dirixido a aquelas persoas que desexen iniciarse no método Zentangle, unha técnica artística que consiste en debuxar patróns repetitivos para crear imaxes. Non se requiren coñecementos de debuxo, só moitas ganas de deixar voar a creatividade.
Ademais, a partir das 19:00 horas, o Mago Teto sacará do seu sombreiro un show no que se mistura a narrativa de contos e xogos de maxia. A actividade consta dunha antoloxía de 7 contos que abordan de maneira central a figura do ilusionista, cos seus coellos, cartas e variñas. E por arte de maxia cada conto, vai acompañado dun xogo relacionado coa historia. Porque hai moita maxia na literatura e moita literatura na maxia. Neste caso, a actividade conta co apoio da Rede de Bibliotecas de Galicia a través do programa Ler Conta Moito.
Por último, o Concello sorteará agasallos ao remate da función entre todas aquelas persoas que tomen parte nestas dúas accións.