O XXXIV Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño xogarase a fin de semana do 22 e 23 de agosto

Xogarase nos campos de fútbol municipais de Meirás e de Mourente

Valdoviño, 13 de agosto do 2026.En marcha os preparativos do XXXIV Torneo de Fútbol Concello de Valdoviño. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e representantes dos distintos clubs participantes veñen de presentar o calendario definitivo da emblemática competición, que terá lugar o sábado 22 e o domingo 23 agosto. Ademais da categoría sénior, haberá competición xuvenil e de veteranos.

A xornada inicial xogarase no campo de fútbol municipal de Meirás, sendo os primeiros en pisar o terreo de xogo os máis novos. Así, ás 11:30 horas, disputarase o partido que enfrontará ao equipo xuvenil do Meirás CF co da SD Valdoviño.

Xa pola tarde celebrarase o clásico triangular sénior. A proba que nunca falla. Xogarán o primeiro partido, previsto para as 18 horas, o CD Rosalía de Vilaboa e a SD Valdoviño. Deseguido, o Meirás CF medirase co perdedor do encontro anterior e, posteriormente, ás 20 horas, co gañador.  Ao remate deste último partido, procederase á entrega de trofeos.

O torneo completarase o domingo coa competición de veteranos no campo municipal de Mourente. Así, ás 10 horas o equipo da SD Valdoviño xogará co CD Estrella. A continuación, é dicir, ás 11 h, disputarase o encontro entre o UDC Narahío e CD Narón, e posteriormente o partido polo terceiro e cuarto posto e a final, 12 e 13 horas respectivamente.

Dende o Concello de Valdoviño, promotor do torneo xunto aos clubs participantes, anímase á veciñanza e tamén ás persoas que visitan o municipio a acudir ao mesmo, un dos máis veteranos da comarca, e desfrutar deste auténtico espectáculo de fútbol. A entrada é gratuíta.