O XXXIII Triangular de Fútbol Concello de Valdoviño disputarase o 23 de agosto
O campo municipal de Mourente albergará este ano o torneo, no que participan o CD Rosalía de Vilaboa, o Meirás CF e a SD Valdoviño
Valdoviño, 22 de xullo do 2025. O campo municipal de Mourente, en Valdoviño, acollerá este ano a XXXIII edición do Triangular de Fútbol Concello de Valdoviño. A semana pasada celebrábase o sorteo de enfrontamentos, e esta mañá, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba o calendario definitivo da competición, que terá lugar o sábado 23 de agosto. Comezará xa pola mañá cos xuvenís, nun encontro que enfrontará a partir das 12:00 horas á SD Valdoviño e ao Meirás CF.
E xa pola tarde celebrarase o triangular entre o CD Rosalía de Vilaboa, a SD Valdoviño e o Meirás CF. Estes serán os horarios e emparellamentos: ás 18:00 h, Rosalía-Valdoviño; ás 19:00 h, Meirás contra o perdedor do encontro anterior; ás 20:00 h, Meirás contra o gañador do encontro anterior. Ao remate deste último partido, procederase á entrega de trofeos.
Así mesmo, o campo municipal será escenario ao día seguinte, domingo 24, dun torneo de veteráns, coa participación da SD Valdoviño, a SD Cultural Maniños, o CD Narón e o CD Estrella A Solaina. Arrincará ás 10:00 horas, e ás 12 h celebrarase o encontro polo terceiro posto, e ás 13 h, a final.
