O Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional regresará a Valdoviño o 8 de setembro para facilitar os trámites co DNI e pasaporte
As persoas interesadas en acceder ao servizo poden pedir cita chamando ao teléfono 682 681 441 de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas
Valdoviño, 15 de xuño do 2026. Nova visita ao municipio, e nova data en carteira. O Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional (VIDOC) regresaba esta mañá a Valdoviño para facilitar o servizo de expedición e renovación de DNI e pasaporte sen necesidade de moverse da localidade, e avanzaba tamén a próxima data, xa á volta do verán. Será o 8 de setembro pola mañá, e as persoas interesadas en solicitar cita xa poden chamar ao teléfono 682 681 441, de luns a venres de 10 a 14 h.
O VIDOC é unha iniciativa do Ministerio do Interior destinada a deslocalizar a expedición do DNI e do pasaporte, mellorando así a accesibilidade destes servizos públicos. A través deste sistema, a veciñanza pode realizar todo o proceso nun único acto, e recibir a documentación no momento. Estes vehículos, incluídos no Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía, contan coas mesmas funcionalidades que unha unidade fixa de documentación. Así mesmo, permiten actualizar os certificados dixitais do DNI electrónico, grazas a un punto de actualización de documentación.
Confirmada a cita, dende o Concello recoméndase acceder á web da Policía Nacional ou do Ministerio do Interior para informarse sobre a documentación que é preciso achegar para realizar o trámite, tamén dispoñible na web municipal. Ademais, o pago pola renovación ou expedición de DNI e pasaporte deberá realizarse neste caso en efectivo.
