O Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional regresará a Valdoviño o 6 de outubro para facilitar os trámites co DNI e pasaporte

A veciñanza xa pode solicitar cita previa no teléfono 682 681 441

Valdoviño, 9 de setembro do 2026. Na súa visita de onte, o Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional (VIDOC) xa avanzaba a data do seu próximo desprazamento á localidade para facilitar á veciñanza o servizo de expedición e renovación de DNI e pasaporte. Será o próximo 6 de outubro pola mañá, e os veciños e veciñas interesados en realizar os trámites sen necesidade de moverse de Valdoviño xa poden solicitar a súa cita chamando ao teléfono 682 681 441, de luns a venres de 10 a 14 h.

O VIDOC é unha iniciativa do Ministerio do Interior destinada a deslocalizar a expedición do DNI e do pasaporte, mellorando así a accesibilidade destes servizos públicos. A través deste sistema, a veciñanza pode realizar todo o proceso nun único acto, e recibir a documentación no momento. Estes vehículos, incluídos no Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía, contan coas mesmas funcionalidades que unha unidade fixa de documentación. Así mesmo, permiten actualizar os certificados dixitais do DNI electrónico, grazas a un punto de actualización de documentación.

Confirmada a cita, dende o Concello recoméndase acceder á web da Policía Nacional ou do Ministerio do Interior para informarse sobre a documentación que é preciso achegar para realizar o trámite. Ademais, o pago pola renovación ou expedición de DNI e pasaporte deberá realizarse neste caso en efectivo.