O Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional regresará a Valdoviño o 20 de abril para facilitar os trámites co DNI e pasaporte

A veciñanza pode solicitar dende xa cita previa no 682 681 441

Valdoviño, 23 de marzo do 2026. Os veciños e veciñas de Valdoviño terán unha nova oportunidade para expedir ou renovar o seu DNI ou pasaporte sen moverse do municipio. O Concello informaba esta mañá de que o Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional regresará á localidade o vindeiro 20 de abril, e hoxe mesmo abría o prazo para que a cidadanía solicitase cita previa no servizo. Deberá facerse chamando ao teléfono 682 681 441 (de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas).

O VIDOC é unha iniciativa do Ministerio do Interior destinada a deslocalizar a expedición do DNI e do pasaporte, mellorando así a accesibilidade destes servizos públicos. A través deste sistema, a veciñanza pode realizar todo o proceso nun único acto, e recibir a documentación no momento. Estes vehículos, incluídos no Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía, contan coas mesmas funcionalidades que unha unidade fixa de documentación. Así mesmo, permiten actualizar os certificados dixitais do DNI electrónico, grazas a un punto de actualización de documentación.

Confirmada a cita, dende o Concello recoméndase acceder á web da Policía Nacional ou do Ministerio do Interior para informarse sobre a documentación que é preciso achegar para realizar o trámite, tamén dispoñible na web municipal. Ademais, o pago pola renovación ou expedición de DNI e pasaporte deberá realizarse neste caso en efectivo.

Documentacion-necesaria-DNI-pasaporte