O Vehículo da Policía Nacional visitará de novo Valdoviño o 18 de maio para facilitar as xestións co DNI e pasaporte

O Concello abre axenda para solicitar cita previa para o servizo

Valdoviño, 20 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño abre prazo para solicitar cita co Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional, que facilita a expedición e renovación do DNI e pasaporte sen moverse do municipio. Precisamente hoxe, trasladábase á localidade para atender á veciñanza, que nas semanas anteriores cubría rapidamente as 35 prazas ofertadas desta volta. E tamén hoxe avanzaba a data da súa próxima visita, que terá lugar o 18 de maio.

É o departamento municipal de Servizos Sociais o encargado de xestionar a axenda, recepcionando as chamadas da cidadanía ao 682 681 441, de luns a venres de 10 a 14 h.

O VIDOC é unha iniciativa do Ministerio do Interior destinada a deslocalizar a expedición do DNI e do pasaporte, mellorando así a accesibilidade destes servizos públicos. A través deste sistema, a veciñanza pode realizar todo o proceso nun único acto, e recibir a documentación no momento. Estes vehículos, incluídos no Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía, contan coas mesmas funcionalidades que unha unidade fixa de documentación. Así mesmo, permiten actualizar os certificados dixitais do DNI electrónico, grazas a un punto de actualización de documentación.

Confirmada a cita, dende o Concello recoméndase acceder á web da Policía Nacional ou do Ministerio do Interior para informarse sobre a documentación que é preciso achegar para realizar o trámite, tamén dispoñible na web municipal. Ademais, o pago pola renovación ou expedición de DNI e pasaporte deberá realizarse neste caso en efectivo.