O taller de Artes Plásticas guiado polo pintor Manuel Carballeira arrancará en Loira o próximo 18 de outubro

O Concello abrirá este luns 3 de outubro o prazo de preinscrición na actividade, dirixida a nenos/as e persoas adultas

Valdoviño, 30 de setembro do 2022. Trala boa acollida do pasado curso, o Concello de Valdoviño reeditará o taller de Artes Plásticas guiado polo pintor Manuel Carballeira. Un obradoiro con clases semanais os martes de 17:00 a 19:00 horas no local social de Loira. Están dirixidas tanto a nenos e nenas de 6 anos en adiante como a persoas adultas, e o prazo de preinscrición na actividade, con prazas limitadas, abrirase o vindeiro luns, 3 de outubro -ata o día 14 do mesmo mes-. 

O custe mensual das clases é de 22,12 euros para as persoas menores de idade, e de 29,49 euros para os/as maiores de 18. 

A preinscrición pode formalizarse a través da sede electrónica do Concello (no seguinte enlace: https://cutt.ly/VCM1EXO) ou de xeito presencial na casa da cultura, de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.