O servizo gratuíto de atención psicolóxica do Concello pecha o primeiro exercicio de actividade con 12 veciños e veciñas atendidas
As persoas son derivadas dende o departamento de Servizos Sociais
Valdoviño, 27 de febreiro do 2026. O Servizo de Atención Psicolóxica que promove o Concello de Valdoviño para veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade atendeu a 12 persoas durante o 2025. En marzo do pasado ano, a Concellería de Servizos Sociais botaba a andar o servizo para persoas derivadas dende o departamento municipal, e unha vez realizada a valoración técnica por parte do equipo de traballadoras.
Con este recurso, o Concello tenta dar resposta á problemática que presentan algunhas das persoas usuarias dos servizos sociais para as que non existe a opción de atención inmediata na rede sanitaria, ou que deriva en situacións de desprotección e mesmo risco suicida.
A través dun gabinete de psicoloxía externo, o Concello brinda atención individualizada, que comeza coa identificación das necesidades das persoas usuarias para continuar cunha intervención directa con sesións de psicoterapia individual centradas no fortalecemento da autoxestión emocional.
