O servizo de socorrismo finaliza co mes de agosto na praia de Pantín
O areal da Frouxeira manterá a vixilancia ata o domingo 11 de setembro
Valdoviño, 30 de agosto de 2022. Desde o Concello de Valdoviño lémbrase que este mércores, 31 de agosto, finaliza o servizo de socorrismo da praia de Pantín e tamén o de prevención e primeiros auxilios dos areais de Vilarrube, Baleo e Meirás. A Frouxeira, onde se disputa o Campionato de España de Surfing 2022, será a única praia do municipio que conte con vixilancia ata o 11 de setembro. Por iso, prégase máxima prudencia aos usuarios das praias da localidade.
Como vén sendo habitual nas últimas tempadas estivais, co remate de agosto, Valdoviño inicia o repregamento dos efectivos de salvamento nas súas praias. Faino, tras un verán complicado, no que a falta de socorristas provocou que só os dous areais máis concorridos do municipio- A Frouxeira e Pantín- puidesen dispoñer do servizo, arbitrándose como medida alternativa a presenza de persoal de primeiros auxilios nos outros tres areais más frecuentados. Co fin de atender emerxencias nos areais máis próximos a Ferrol, acordábase ademais compartir equipos náuticos con ese municipio.
Desde mañá, só a praia de Frouxeira, a que conta cada ano cunha afluencia maior de bañistas, e na que ata o 4 de setembro desenvolveranse as mangas do Campionato de España de Surfing contará con equipo municipal de socorristas. Desde o Concello piden precaución á veciñanza e aos visitantes que acudan ao longo de setembro aos seus areais pensando en gozar do último baño do verán.