O servizo de salvamento contará a partir deste martes cunha vintena de socorristas nas praias da Frouxeira, Pantín, O Río e O Baleo

O Concello de Valdoviño manterá o proceso de contratación aberto ata alcanzar a cifra de 33 socorristas que se marca como obxectivo

Valdoviño, 30 de xuño do 2025. O servizo de salvamento e socorrismo arrancará este martes 1 de xullo nas praias da Frouxeira, Pantín, O Río (Meirás) e O Baleo (Pantín). Un total de 19 socorristas velarán pola seguridade dos bañistas nos areais. A cifra mellora a lograda na pasada tempada, pero non alcanza o obxectivo dos 33 socorristas que persegue o Concello de Valdoviño. Por isto, o proceso de contratación continuará aberto a través do INEM, a fórmula que marca a Xunta de Galicia para acceder á liña de subvencións para financiar un servizo no que a Administración local prevé investir algo máis de 137.000 euros. En todo caso, o alcalde, Alberto González, non descarta optar por outras vías, como a contratación directa, en caso de non avanzar a través do outro procedemento.

O servizo prestarase dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto de 12:00 a 20:00 horas, coa excepción da praia da Frouxeira, a máis concorrida de Valdoviño, onde se estenderá ata o 7 de setembro.