O Servizo de Asesoramento Xurídico para persoas en situación de vulnerabilidade social iniciou 47 expedientes ao longo do pasado ano
Atendeu preto de 70 consultas doutras tantas veciñas e veciños derivados dos Servizos Sociais Municipais, e prestou asesoramento ao departamento, ademais de colaborar na elaboración de normativa
Valdoviño, 31 de xaneiro do 2025. O Servizo de Asesoramento Xurídico para persoas en situación de vulnerabilidade social que ofrece o Concello de Valdoviño abriu 47 expedientes ao longo do pasado ano. Un balance similar ao do 2023, o primeiro exercicio completo tras a posta en marcha deste servizo por parte da Administración local. É gratuíto para os seus usuarios e usuarias, que son derivados dende o departamento municipal de Servizos Sociais cando o equipo de traballadoras detecta a necesidade de asistencia legal e a falla de recursos para acceder a el.
Dende a oficina ofrécese asesoramento e axuda en materia xurídica, e a maioría das consultas están vencelladas co acceso a axudas económicas e situacións de violencia de xénero no ámbito familiar. En todo caso, non todas elas rematan na apertura dun expediente, e ao longo do 2024, atendéronse preto de 70 consultas.
Así mesmo, a profesional encargada do servizo colabora con tarefas de asesoramento co departamento de Servizos Sociais, así como con traballos de elaboración de documentación e normativa.