O Servizo de asesoramento xurídico para persoas en risco de exclusión social pecha o primeiro ano completo de actividade con 50 expedientes abertos
O Concello ofrece apoio legal gratuíto a persoas en situación de vulnerabilidade social derivadas dende os Servizos Sociais Municipais
Valdoviño, 31 de xaneiro de 2024. O Servizo de Asesoramento Xurídico para persoas en situación de vulnerabilidade social que ofrece o Concello de Valdoviño abriu 50 expedientes ao longo do pasado ano. Trátase do seu primeiro exercicio completo, xa que a Administración local activaba este servizo en agosto de 2023. É gratuíto para os seus usuarios e usuarias, que son derivados dende o departamento municipal de Servizos Sociais cando o equipo de traballadoras detecta a necesidade de asistencia legal e a falla de recursos para acceder a el.
Dende a oficina ofrécese asesoramento e axuda en materia xurídica, e a maioría das consultas están vencelladas co acceso a axudas económicas e situacións de violencia de xénero no ámbito familiar. Non todas as consultas rematan, iso si, na apertura dun expediente como os 50 tramitados en 2023.
Así mesmo, a profesional encargada do servizo colabora con tarefas de asesoramento co departamento de Servizos Sociais, así como con traballos de elaboración de documentación e normativa.