O servizo de asesoramento xurídico do Concello atendeu a 59 veciños e veciñas en 2025
É gratuíto, previa valoración do equipo dos Servizos Sociais municipais
Valdoviño, 2 de xaneiro do 2026. O Servizo de Asesoramento Xurídico para persoas en situación de vulnerabilidade social que ofrece o Concello de Valdoviño daba a coñecer esta mañá o balance de actividade no 2025. Así, ao longo dos últimos 12 meses, o servizo atendeu presencialmente a 59 persoas, con diferentes necesidades, dende asesoramento en materia de acceso a axudas económicas para usuarios/as en risco de exclusión social, ata situacións de violencia de xénero no ámbito familiar. O servizo, que o Concello de Valdoviño poñía en marcha a mediados de 2022, é gratuíto para os veciños e veciñas, que son derivadas dende o departamento municipal de Servizos Sociais tras a valoración do equipo de traballadoras.
Dende a oficina ofrécese asesoramento e axuda en materia xurídica naqueles casos que é precisa e a persoa demandante carece dos recursos necesarios para costeala. Ademais, a profesional encargada do servizo colabora con tarefas de asesoramento co departamento de Servizos Sociais, así como con traballos de elaboración de documentación e normativa.
