O Señor Lili traerá este sábado ao parque de Lago a súa Discocleta

As invitacións poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo.

A programación cultural do Concello de Valdoviño continuará este sábado 8 de agosto coa Discocleta do Señor Lili, un espectáculo musical diferente e sorprendente. Desenvolverase no parque de Lago, a partir das 19 horas, e as invitacións para asistir pódense retirar na Oficina Municipal de Turismo hoxe luns, mañá martes e mércores de 11 a 17 horas e o xoves de 11 a 14 horas.

Coa Discocleta, Fernando Pujalte, máis coñecido como Señor Lili, recrea e pon en escea unha cabina de pinchadiscos ao estilo dos 70’s. O Señor Lili emociona e fai vibrar aos presentes coas melodías populares do pasado utilizando para isto formatos en desuso.

O que o distingue, ademais, é a gran conexión que establece co público. Lonxe de ser un pinchadiscos ao uso, na súa faceta de showman e animador de pista, consegue facerse cos presentes, improvisando un karaoke-concurso participativo, bailando entre a gente -coa distancia de seguridade- e enchendo de cor as festas nas que a música e os asistentes marcan a pauta.

A actividade inclúese na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña e, dende o departamento municipal de Cultura do Concello, lémbrase a obriga de acudir con mascarilla.