O Punto de Atención á Infancia xa é gratuíto

Entra en vigor a ordenanza pola que Concello e Xunta cofinancian o servizo

Valdoviño, 28 de decembro do 2022. As familias que se beneficien da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia non pagarán polo servizo. Así o avanzou o alcalde, Alberto González, para dar conta da entrada en vigor da nova ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. A normativa equipara os prezos aos das escolas infantís da Xunta, e establece unha bonificación do 100% para todos os casos. Ese custe será agora asumido polo Concello e a Administración autonómica dende o comezo deste curso escolar 2022/23.

A aprobación definitiva chega despois da aprobación inicial en pleno o pasado 6 de outubro e a fase de exposición pública, na que non se presentaron alegacións. O Boletín Oficial da Provincia publicaba onte a nova normativa.