O Punto de Atención á Infancia, premiado no XI Concurso Coidemos o Medio Ambiente

O proxecto do centro valdoviñés sobre o consumo responsable da auga dende a infancia foi recoñecido co 3º posto na categoría

O Concello de Valdoviño adiantaba hoxe a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente celebrando esta data cos  máis pequenos e pequenas da casa, os nenos e nenas da Aula da Natureza-Punto  de Atención á Infancia. A concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, visitaba o centro para felicitar a educadoras, pequenos  e pequenas e familias  polo seu meritorio terceiro posto no XI Concurso Coidamos o Medio Ambiente.

Un certame que, a nivel nacional, promove a firma Productos Imedio co obxectivo de educar, motivar e concienciar dende a infancia na conservación do medio para un futuro máis limpo e sostible. Os pequerrechos e pequerrechas do PAI recibían o seu diploma de Coidador do  Planeta, e o centro un premio de 200 euros e material escolar valorado en 500.

O proxecto co que concorría o centro baseouse no consumo responsable da auga.  Un proxecto que as educadoras Montse e Rosi guiaron e que contou coa  participación de nenos e nenas e a implicación activa das familias. A través do mesmo, os pequenos e pequenas mergulláronse no ciclo da auga, realizaron saídas á praia para ver en primeira persoa os efectos da contaminación desta e combatíronna coa recollida de lixo. Ademais, aprenderon o proceso de  purificación da auga e mesmo a reutilizaron para regar as súas fresas. Un  proxecto que tivo nas familias un papel clave, educando no consumo responsable  a través das rutinas do día a día no fogar.