O Punto de Atención á Infancia de Valdoviño inicia o curso con todas as prazas cubertas

Do total de nenos e nenas que acceden este ano ao servizo de conciliación do Concello, a metade correspóndense con novos ingresos

Valdoviño, 2 de setembro do 2026. A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia arrincaba esta mañá o curso con todas as prazas cubertas. Así, 20 nenos e nenas de cero a 3 anos accederán este ano ao servizo municipal de conciliación, e deles, a metade correspóndense con novos ingresos. Tras o parón vacacional de agosto, comeza o periodo de adaptación no centro, no que as familias acompañan aos seus fillos e fillas no proceso. Participarán do seu día a día reducindo progresivamente os tempos de estancia, segundo as necesidades de cada crianza. O obxectivo é que os meniños e meniñas estreiten vínculos coas educadoras e cos propios compañeiros e compañeiras co apoio das familias logrando que a separación sexa natural.

A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia sitúase na privilexiada contorna do paseo da praia e lagoa da Frouxeira. O Concello de Valdoviño botaba a andar este servizo en 2017 co ánimo de contribuír á conciliación da vida persoal e laboral das familias da localidade. É gratuíto, e funciona durante todo o ano, agás en agosto, cun horario de 8:00 a 16:00 horas de luns a venres. Conta con xornada completa, e ofrece a posibilidade de media xornada -de 9:00 a 13:00 h-. Esta pode aumentarse con horas soltas.