O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal presenta en FITUR un territorio para vivir, ser visitado e investir

Baixo o epígrafe ‘Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra’, a Deputación promocionou a candidatura a Xeoparque de Cabo Ortegal en Fitur

Valdoviño, 21 de xaneiro de 2022. O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal presentouse esta mañá en FITUR 2022 da man da Deputación provincial da Coruña, nun acto no que estiveron presentes os sete concellos que o integran -Ortigueira, Cariño, Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cedeira e Valdoviño-, así como representantes da Xunta. Conducido pola popular presentadora Paula Vázquez, a imaxe tomou o protagonismo, e a través de catro pezas audiovisuais, o público asistente puido achegarse a un lugar, o noso, para vivir, para ser visitado e mesmo para investir.

Así, diferentes representantes do mundo empresarial, deportivo e cultural dos sete concellos ofreceron unha visión do territorio na voz das persoas que viven e traballan nel. Paisaxe e recursos naturais foron os principais atractivos que máis se repetiron, así como o desexo de futuro de que a comarca de Ortegal teña un desenvolvemento económico ligado a eses valores naturais. Neste contexto, que se respecte o medio, que se preserve a riqueza natural e que non se convirta nun destino masificado son ideas presentes de diferente xeito nos catro vídeos.

As pezas están protagonizadas por Manuel Vierna, do centro ecuestre Granxa do Souto de Ortigueira; por Boris Rodríguez, xogador do equipo de voleibol Aldebarán de San Sadurniño; por Miguel Mato, da plantación de arándanos Horticina; por Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa desde Moeche; por Isabel Loureiro, gandeira de Cedeira; por Ana Docanto, de conservas La Pureza de Cariño; e por Jaime Pablo Díaz, coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza de Valdoviño. Todas as persoas participantes aparecen acompañadas polos alcaldes e alcaldesa dos sete concellos e polo vicepresidente da Deputación.

Os vídeos proxectados serán difundidos a través das contas de redes sociais da área de Turismo da Deputación da Coruña e tamén das do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.

Nas súas intervencións, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, subliñou que “esta é unha aposta política que se transformou nun proxecto de país”.  O alcalde de Cariño e presidente da Asociación Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, explicou, en nome de todos os alcaldes e alcaldesa, que “a propia candidatura xa nos está dando unha proxección a nivel internacional moi potente”. Indicou que este proxecto sumado aos fondos europeos Next Generation que se destinarán a esta comarca “teñen por obxectivo fundamental que a xente poida desenvolver o seu proxecto vital en Ortegal”.

Como referencia de empresa local participou María Mesías, técnica da consultora Goodlife, que participou na redacción técnica tanto dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino como no proxecto do Xeoparque. “O que queremos é que a nosa propia experiencia se extenda ao resto de empresas locais, porque o que se busca nestes proxectos é buscar a sustentabilidade e xerar oportunidades de empregabilidade, así como traballar propostas turísticas en segmentos específicos, como o científico, o cultural, o educativo, o de natureza ou o deportivo”. No acto tamén participou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda quen asegurou que conseguir un segundo xeoparque para Galicia “encaixa perfectamente nunha estratexia turística para situarnos no mundo, utilizando o Xacobeo como reclamo para difundir outras ofertas e toda a variedade do territorio”.