O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal inicia a tramitación dunha nova solicitude para a presentación da Candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO
Iníciase así de novo o proceso
O Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal ven de tramitar a presentación da solicitude de apoio ante o Comité Nacional Español de Geoparques e a Comisión Española de Cooperación coa UNESCO, dando inicio ao procedemento para a Candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO correspondente ao 2021.
A solicitude foi remitida por vía telemática o pasado mércores, por parte do Presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal como responsable do proxecto, cargo ocupado na actualidade por Alberto González, alcalde de Valdoviño. Con esta solicitude, tal e como se establece no procedemento, achegouse diversa documentación.
Iníciase así de novo o proceso para a tramitación da presentación do proxecto, despois de que na convocatoria pasada a Comisión Nacional española decidise non remitir ás Naciones Unidas ningún dos tres proxectos presentados durante o 2020. Nesta anualidade, ademais de mellorar os documentos da Candidatura coas achegas recibidas no Informe de avaliación que a Comisión Nacional remitiu en novembro, e coa interlocución con membros da Rede de Geoparques Españoles, trabállase en distintas liñas de actuación para o desenvolvemento do proxecto a nivel territorial, dando impulso a moitas das actuacións que se viron retrasadas por causa da pandemia.
Así, trabállase xa de cara á elaboración do dossier completo de Candidatura, que nesta anualidade retoma os prazos previos á crise da covid-19, e que, por tanto, deberá estar entregado antes do vindeiro 1 de xuño.