O proxecto da Escola Museo Vivo da Ramalleira, presente nunhas xornadas celebradas en Portugal sobre a recuperación da memoria escolar
O escritor Antón Cortizas, integrante do grupo de traballo que impulsa a recuperación do centro valdoviñés, expuxo o proceso no encontro
Valdoviño, 30 de xullo do 2025. O profesor, escritor e investigador Antón Cortizas, integrante do grupo de traballo do proxecto «Escola Museo Vivo da Ramalleira», participaba a semana pasada no Encontro «Museus&Centros de Memória escolar em meio rural» celebrado na vila portuguesa de Murça. Neste foro presentaba a iniciativa de recuperación da escola de Pantín, que promove o Concello de Valdoviño xunto á veciñanza.
O encontro estivo coordinador por Xavier Fernández, impulsor da recuperación da escola de Arximiro Rico en Baleira, e nel, abordáronse diferentes experiencias en marcha e outras que son xa unha realidade en España e Portugal. Experiencias que poden servir de referencia nese camiño de recuperación da memoria escolar no rural. Con esa idea, Antón Cortizas aproveitaba a súa participación nas xornadas para formular a posibilidade de organizar en Valdoviño un encontro destas características.
