O proxecto “Aprende a través do surfing” salta das aulas á praia da Cristina

O Concello de Valdoviño convida a medio centenar de estudantes do Atios a unha sesión de iniciación ao surf guiada por Valdo Surf School

Valdoviño, 12 de xuño do 2025. O traballo nas aulas daba hoxe paso á parte máis práctica e divertida do  proxecto deportivo-educativo «Aprende a través do Surfing». Preto de medio cententar de alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria do CPI Atios tomaba parte na iniciativa que, en Valdoviño, coordina e financia o Concello xunto á entidade medioambiental Surf and Clean. Rapaces e rapazas, acompañadas dos seus profes, desprazábanse a media mañá ao areal da Cristina para participar nunha sesión de iniciación ao surf guiada pola escola local Valdo Surf School.

A pé de areal, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicaba que o proxecto parte do surf como práctica ancestral e transformadora para educar en valores como a inclusión, a igualdade, a superación, a prevención, o compañeirismo ou a empatía. E con ese obxectivo, realízanse sesións teóricas nas aulas e prácticas nas praias, de modo que o alumnado estreite os seus vínculos co mar e, conscientes do extraordinario patrimonio natural do que desfrutan, se impliquen na súa protección e conservación. O proxecto continuará a vindeira semana na localidade cunha nova acción na Frouxeira.