O programa Porta a Porta regresa a Valdoviño en novembro para ofrecer servizos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía
As persoas maiores de 55 anos poden solicitar xa cita previa para acceder aos servizos, gratuitos, do 14 ao 16 de novembro
Valdoviño, 13 de outubro do 2022. O autocar do programa de coidados Porta a Porta regresará a Valdoviño en novembro. Do 14 ao 16 do próximo mes, permanecerá na explanada de Covacano, na Porta do Sol, para ofrecer gratuítamente servizos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía. Así, as persoas maiores de 55 anos interesadas en acceder aos mesmos poden solicitar, dende xa, cita previa nos teléfonos 622 748 283 e 623 546 992, ou correo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
O programa, que impulsa a Xunta a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, conta coa colaboración dos concellos, e máis en detalle ofrece:
-Podoloxía: consulta básica, corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, calosidades e helomas, e valoración do estado xeral do pé.
-Audioloxía: consulta básica, exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.
-Estimulación da memoria: unha valoración cognitiva e a posta a disposición de pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.