O programa Porta a Porta ofrecerá en xuño servizos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía en Valdoviño

As persoas maiores de 55 anos poden solicitar xa cita previa para acceder aos servizos, gratuitos, os días 3, 6 e 7 do próximo mes

Valdoviño, 3 de maio de 2022. O autocar do programa de coidados Porta a Porta que percorre os concellos galegos chegará a Valdoviño en xuño. Os días 3, 6 e 7 do próximo mes, permanecerá na explanada de Covacano, na Porta do Sol, para ofrecer gratuítamente servizos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía. Así, as persoas maiores de 55 anos interesadas en acceder aos mesmos deben solicitar, dende xa, cita previa no teléfono 622 748 283 ou correo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O programa, que impulsa a Xunta a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, conta coa colaboración dos concellos, e máis en detalle ofrece: 

-Podoloxía: consulta básica, corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, calosidades e helomas, e valoración do estado xeral do pé.

-Audioloxía: consulta básica, exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.

-Estimulación da memoria: unha valoración cognitiva e a posta a disposición de pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.