O programa Ondas de Sabor ofrece unha sesión formativa para a hostalería local sobre o produto do mar de Valdoviño
A actividade terá lugar o luns 10 de novembro ás 18:00 horas na sala de exposicións da Casa da Cultura, con inscrición a través do tlf 633 50 74 99
Valdoviño, 7 de novembro do 2025. O programa Ondas de Sabor que impulsa o Concello de Valdoviño desenvolverá un showcooking dirixido por Diego Fernández e Jordi Fernández, do restaurante Fame Kanalla. Será este luns 10 de novembro, ás 18 horas na sala de exposicións da casa da cultura, e con el búscase achegar á hostalería local as distintas posibilidades e aplicacións dos produtos do mar KM 0 nos seus negocios. Desta maneira, o principal obxectivo da xornada é reforzar a relación local entre o sector do mar e a hostalaría, fomentando a compra de produtos mariños da zona e promovendo o uso destes na cociña.
A actividade está aberta ao público en xeral, aínda que vai dirixida ás e ós hosteleiros locais. Para acudir precísase inscrición previa, contactando co 633 50 74 99 mediante chamada ou whatsapp (o horario de atención é de 8:00 a 15:00 h).
Esta actividade está incluída no proxecto “Ondas de sabor: promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño”, que pretende mellorar o peso económico do sector marisqueiro, valorizando os produtos locais do mar e fomentando o seu consumo. Ademais, neste proxecto tamén se contemplan outras accións que teñen por obxectivo dar a coñecer á veciñanza: o rol das xentes do mar na conservación do medio mariño, o ecosistema marítimo, a cultura e historia mariñeira, o papel das Confrarías de Ferrol e Cedeira e a calidade e trazabilidade dos seus produtos.
«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.
