O programa municipal de control das colonias felinas xa conta cos seus primeiros veciños colaboradores

As personas interesadas en participar no programa, que impulsa o Concello co apoio da Mancomunidade e da Asociación Cometa, deben comunicalo na casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41

Valdoviño, 31 de marzo do 2023. O programa municipal de control das colonias felinas xa conta coas súas primeiras adhesións. Seis veciños e veciñas participantes na charla informativa celebrada onte no auditorio formalizaron a súa inscrición como xestores colaboradores dunha das colonias localizadas no municipio. Para iso, facilitaron ao concello o seu nome e apelidos, DNI, teléfono e localización. A partir de agora, será o Refuxio de Animais de Mougá o encargado de contactar para informar da data de visita, na que se capturará aos gatos para a súa esterilización, atención veterinaria se é o caso, e devolución ao lugar de orixe.

O alcalde, Alberto González, explicou que Iria Saavedra, da asociación Cometa e veciña da localidade, coordinará o programa municipal co que se busca controlar o número de gatos ferales a través da creación dun censo de localizacións que permita a súa esterilización, que financia o Concello e realiza o Refuxio. Así mesmo, o edil de Servizos, Benito Vega, avanzou a intención de adquirir xaulas de captura para facilitar aos propios veciños e veciñas a recollida e traslado posterior dos felinos ao refuxio. Pola súa banda, Luis Alcalá, xerente da Mancomunidade que, xunto ao Concello, impulsa a iniciativa, abordou onte á tarde o marco xurídico da iniciativa, así como os principios de traballo do plan, que se asenta na trazabilidade -identificación xeográfica das colonias-; no respecto ao carácter feral dos gatos -a súa condición de non domésticos-, e a co-responsabilidade -participación da veciñanza no proceso-. 

Yadira Tenreiro, do Refuxio, e a propia Iria Saavedra, de Cometa, animaron á cidadanía a sumarse á iniciativa e converterse en xestores colaboradores das colonias que detecten. Tan sinxelo como contactar co Concello presencialmente ou a través do teléfono 981 48 70 41.