O programa de promoción do surf en Valdoviño ofrece clases gratuítas de iniciación a nenos/as de familias derivadas a través de Servizos Sociais

A formación, que guía RSM Surf School, beneficiará este ano a 5 nenas/os

Valdoviño, 7 de decembro do 2022. No marco do programa de promoción do deporte en Valdoviño vencellado á concesión de autorizacións para a actividade das escolas de surf no municipio, nenos e nenas de familias derivadas a través do departamento de Servizos Sociais están a participar en clases de iniciación a este deporte. Formación que desenvolve RSM Surf School, e que beneficiará este ano a 5 pequenos e pequenas. 

Así, esa formación contempla dúas sesións eminentemente prácticas. A primeira, levouse a cabo a semana pasada no areal de Pantín, e nela, os nenos e nenas puideron surfear as súas primeiras olas. 

A actividade proposta por RSM inclúese no programa de promoción do deporte implantado este ano polo Concello de Valdoviño no marco do proceso para a concesión de autorizacións de actividade ás escolas de surf nas praias da localidade. A través do mesmo, as escolas plantearon e realizaron diversas accións de carácter social e medio ambiental, como xornadas de limpeza nas praias, clases gratuitas para usuarios/as de entidades do ámbito sociosanitario ou charlas e formación dirixidas a escolares.