O programa de actividades deportivas Ociosol contou este verán con preto de 300 participantes
O fútbol sala e o tenis foron as disciplinas con máis participantes, tras as actividades acuáticas
Valdoviño, 30 de agosto do 2024. Ao redor de 275 veciños e visitantes participaron este verán nas distintas propostas de Ociosol. O programa deportivo estival do Concello de Valdoviño, destinado a acabar co sedentarismo nas vacacións de verán, chega este venres á súa fin tras dous meses de actividade. E faino coma sempre, coas tradicionais entregas de diplomas.
A oferta do 2024 incluíu escolas de fútbol sala, de tenis, de atletismo, de baloncesto, ximnasia de mantemento e multideporte, ademais das actividades acuáticas da piscina municipal de Lago, que volveron ser o gran bastión do programa.Así, un total de 160 veciños/as participaron este ano nas propostas organizadas na citada instalación deportiva. Impartíronse cursos de iniciación e perfeccionamento de natación para nenos e nenas, natación para bebés, aquagym e máis nado libre.
As clases do resto das disciplinas desenvolvéronse na pista polideportiva da Frouxeira, agás as clases de ximnasia, destacando pola súa boa acollida as actividades de fútbol e de tenis, con grupos de 35 e de 24 participantes, respectivamente.
Ao longo desta semana o alcalde Alberto González, o concelleiro de Deporte, Sergio Saavedra, e a edila de Cultura, Rosana García, participaron nas distintas entregas de diplomas do programa, concibido para fomentar a vida activa da veciñanza, especialmente dos máis novos en período non lectivo.