O profesor Francisco J. Faraldo propón unha viaxe pola historia e os intérpretes do fado a través de 2 audicións comentadas

A Biblioteca Municipal de Valdoviño acollerá esta proposta cultural este venres e sábado a partir das 20:30 horas

Valdoviño, 4 de maio de 2022. O fado soará esta fin de semana en Valdoviño da man do profesor e investigador Francisco J. Faraldo, que ofrecerá no noso municipio dúas audicións comentadas baixo o título «Fado. Mitos e Ritos». Recén chegado de Lisboa, Faraldo abordará dun xeito ameno e próximo, sen tecnicismos e fuxindo das clases maxistrais, a historia do fado, dende as súas mesmas orixes ata o día de hoxe, achegando así a música e os seus intérpretes a un mundo tan próximo culturalmente como o noso. Abordará os tipos de fados, as súas características, as historias de vida que trasladan… e todo isto, dende unha perspectiva que trascende o mito sobre a necesaria tristeza que acompaña ao fado. Acompañarase de audios e vídeos, e avanza que o público non precisa ningunha formación musical específica para poder desfrutar das xornadas. 

Celebraranse na Biblioteca Municipal este venres e sábado a partir das 20:30 h, con entrada libre ata completar aforo. A primeira audición, titulada «Da Severa aos nosos días», permitirá achegarse á historia do fado, declarado pola UNESCO Patrimonio Mundial da Humanidade. Unha viaxe que arrancará no século XIX no porto de Lisboa e concluirá no presente. A segunda audición, a do sábado, será un monográfico sobre a gran diva do fado, Amalia Rodrígues. Unha figura internacional e icono da música portuguesa por excelencia.