O pleno dá luz verde ao proxecto de construción da primeira escola infantil
O Concello de Valdoviño poderá sacar agora a licitación as obras, orzamentadas en algo máis de 611.000 euros
Valdoviño, 9 de xullo de 2024. O Concello de Valdoviño aprobaba na última sesión plenaria o proxecto de construción da escola infantil. Todos os grupos respaldaban a proposta do goberno municipal, que presentaba á corporación unha vez recibiu o visto bo dos servizos técnicos da Deputación da Coruña. Así, o seguinte paso será sacar a contratación as obras, orzamentadas en máis de 611.000 euros. Un trámite que se realizará neste terceiro trimestre do ano. Deste xeito, Valdoviño dará resposta á crecente demanda derivada do aumento de poboación rexistrado especialmente tras a pandemia da covid. O alcalde, Alberto González, lembraba que as prazas do PAI-Aula da Natureza, inaugurado en 2017, levan varios anos cubríndose, incluso véndose na obriga de abrir listas de agarda. As novas instalacións, proxectadas na rúa Ensino -xunto ao CPI-, permitirían aumentalas das 20 ás 41, favorecendo a conciliación das familias con fillos/as de 0 a 3 anos.
Ata o de agora, a Xunta confirmou que apoiará a súa construción cunha subvención de 130.000 euros procedente do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, financiado pola UE, e o Concello solicitaba tamén a colaboración financiera da Deputación co obxectivo de minimizar a aportación municipal, que procederá do crédito subscrito pola Administración local.
A escola infantil de Valdoviño, a primeira do municipio, emplazaríase na rúa Ensino, nuns terreos de titularidade municipal anexos ao CPI Atios. Aínda que se trataría dun inmoble independente, a súa cercanía a este favorecería as sinerxias e permitiría concentrar neste espazo os recursos educativos do municipio. Máis aínda se a Consellería de Educación atendese á reivindicación do municipio de dotar a Valdoviño dun IES cunha liña básica de FP. Neste caso, os nenos e nenas da localidade poderían completar todas as etapas formativas previas á Universidade sen desprazarse a outros concellos.