O pleno aproba por unanimidade sacar de novo a contratación as obras da 3ª e última fase do Centro Sociocomunitario
Todos os grupos municipais deron visto bo ao proceso, que quedou deserto na primeira convocatoria
O pleno municipal aprobou por unanimidade sacar de novo a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario. Tras quedar deserta a convocatoria, todos os grupos con representación municipal votaron a favor de reeditar a licitación, que permitirá dotar a Valdoviño do que será o seu primeiro centro de día para persoas maiores cun investimento de 975.693,80 euros. Así, a segunda planta proxectada do inmoble albergará este uso, xunto co formativo, posto que se prevé habilitar tamén aulas de formación homologadas para a impartición de cursos. Será deste xeito un auténtico Edificio Social para a veciñanza, do que ata hoxe carecía.
Nos vindeiros días, o Concello publicará o anuncio de licitación na plataforma de contratación pública, abrindo así o prazo de presentación de ofertas.
A primeira e segunda fase das obras permitiron a transformación do antigo mercado municipal no actual edificio social. Fases nas que a Administración local contou co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. As obras concluían no último trimestre de 2020, ano e medio despois de iniciarse, e na actualidade, pese a situación covid, o Concello xa desenvolvía nestas instalacións actividades como as terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias, accións da programación deportiva como ioga ou programas como a escola de familia ou as reunións do proxecto Valdoviño Futuro.