O pleno aproba iniciar o expediente de contratación da 3ª e última fase das obras do Centro Sociocomunitario

A licitación, estimada nuns 975.000 euros, saíu adiante co voto favorable de todos os grupos municipais de Valdoviño

O pleno municipal deu luz verde ao inicio do expediente de contratación da terceira e última fase das obras do Centro Sociocomunitario. Unha intervención orzamentada nuns 975.000 euros que permitirá dotar a Valdoviño do que será o seu primeiro Centro de Día para persoas maiores. Así, a segunda planta proxectada do inmoble albergará este uso, xunto co formativo, posto que se prevé habilitar tamén aulas de formación homologadas para a impartición de cursos. Será deste xeito un auténtico Edificio Social para a veciñanza, do que ata hoxe carecía. 

O seguinte paso a dar será sacar a licitación o contrato, que se financiará con fondos propios. 

A primeira e segunda fase das obras permitiron a transformación do antigo mercado municipal no actual edificio social. Fases nas que a Administración local contou co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. As obras concluían no último trimestre de 2020, ano e medio despois de iniciarse, e na actualidade, pese a situación covid, o Concello xa desenvolvía nestas instalacións actividades como as terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias, accións da programación deportiva como ioga ou programas como a escola de familia ou as reunións do proxecto Valdoviño Futuro.