O pleno aproba compatibilizar o uso industrial co terciario en determinados ámbitos de solo urbano consolidado

Esta posibilidade afectaría a determinadas parcelas nas marxes da AC566

Por unanimidade, o pleno do Concello de Valdoviño deu onte luz verde á proposta de Alcaldía para aprobar os criterios interpretativos das normas subsidiarias de planeamento en relación coa inclusión en ámbitos de solo urbano consolidado do uso terciario como alternativo, compatible ou complementario ao industrial. Na práctica, isto significa que determinadas parcelas das inmediacións da AC566 destinadas a usos industriais poderán acoller outros usos como comerciais, terciarios ou equipamentos. Iso si, previa tramitación por parte do Concello de Valdoviño. Ampliaríanse así as posibilidades deste solo urbano. 

Nesta liña, o alcalde, Alberto González, lembra que Valdoviño conta cunha norma urbanística cunha antigüidade de máis de 30 anos, redactada na década dos 80 nun contexto urbanístico, xurídico e social que pouco ou nada ten que ver co actual, e que presenta un alto grao de obsolescencia, debido tanto a imprecisións da propia normativa como ao complexo réxime transitorio que procede seguir pola súa falta de adaptación ás profundas modificacións na lexislación urbanística de réxime estatal e autonómico, o que xera unha grande complexidade urbanística á hora de aplicar dita normativa, así como certa inseguridade xurídica. 

De aí a necesidade de aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no que hoxe traballa o Concello. Namentras non se complete ese proceso, os servizos técnicos municipais están a tramitar procedementos e normas para adaptarse á nova realidade social e urbanística de Valdoviño. E, nese contexto, a normativa galega permite aos municipios que carecen de plan recurrir ao Plan Básico Autonómico con carácter complementario. Precisamente, nesta normativa figuran os criterios interpretativos que onte se aprobaban en pleno.

 

.