O pleno aproba a modificación do proxecto para a construción da pista multideporte e 2 pistas de pádel cubertas na contorna do CPI
Tras a renuncia da empresa adxudicataria, o Concello tivo que revisar á alza o orzamento -aumentando a partida en 120.000 euros-
Valdoviño, 4 de xullo de 2024. O pleno do Concello de Valdoviño deu luz verde ao proxecto modificado para a construción dunha pista deportiva mixta e dúas pistas de pádel cubertas. A intervención supón a primeira fase do complexo deportivo Atios, proxectado na contorna do CPI, e requerirá dun investimento de 362.686,94 euros, que cofinanciarán Deputación da Coruña e Concello de Valdoviño. Esta obra adxudicouse en outubro de 2021, pero a empresa renunciaría a posteriori ao contrato, impedindo a súa execución. O Concello tivo entón que modificar o proxecto, revisando o orzamento á alza -dos 243.000 euros iniciais nos que se tiña adxudicado ata os algo máis de 360.000 polos que se licitará agora-. E ese documento modificado era aprobado onte en sesión plenaria cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG. Unha aprobación necesaria para sacar as obras novamente a contratación.
As obras contemplan a construción dunha pista multideporte de 40×20 (máis de 1.000 metros cadrados de superficie construída) e 2 pistas de pádel cubertas de 10×20 cada unha (651,30 metros cadrados). A intervención financiarase con cargo ao POS+2021, Achega provincial 2020, e a Deputación aportará 200.227,77 euros e o Concello 162.459,17 euros.