O pleno acorda a resolución do contrato de ampliación do centro sociocomunitario

O Concello traballa na modificación do contrato para adaptalo ao actual contexto de alza de prezos motivado pola guerra de Ucraína

 Valdoviño, 3 de novembro de 2023. A corporación municipal de Valdoviño acordaba onte en sesión plenaria ordinaria resolver o contrato das obras de ampliación do centro sociocomunitario. A decisión adóptase despois de que a empresa adxudicataria, Obras Gallaecia SL, solicitase á Administración local a resolución de mutuo acordo, alegando que a crise da covid-19 e a guerra de Ucraína provocaron unha alza dos prezos das materias primas que impiden levar a cabo a actuación co orzamento previsto no contrato. 

Así as cousas, os técnicos municipais traballan xa na modificación do proxecto para adaptalo áo contexto actual, e co obxectivo de volver a iniciar o expediente de contratación da intervención. Será a terceira fase da actuación. Nas dúas primeiras a Administración local procedía á rehabilitación integral do antigo mercado para transformalo no actual centro sociocomunitario, o primeiro da localidade. Con esta terceira fase prevese aumentar unha segunda planta ao inmoble, conectada a través dunha pasarela coa casa da cultura, e destinala a centro de maiores, e aula de formación. 

O proceso non está a resultar sinxelo. O 3 de outubro de 2022, hai algo máis dun ano, o pleno adxudicaba o contrato desa 3ª fase a Obras Gallaecia SL por 974.409,72 euros. O 31 de marzo do 2023, asinábase o contrato, e uns días despois, o 5 de maio, aprobábase o Plan de Seguridade e Saúde. Sen embargo, a obra nunca se iniciou, e a primeiros de setembro, a empresa solicitaba a resolución de mutuo acordo do contrato que onte se levaba a pleno para a súa aprobación.