O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais aprobado inicialmente en Valdoviño, a exposición pública

A veciñanza pode consultalo nas oficinas da casa consistorial e web

Valdoviño, 2 de agosto de 2022. A primeiros de xullo, o Concello de Valdoviño aprobaba inicialmente en pleno o seu primeiro Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, e a semana pasada o documento entraba na fase de exposición pública coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Así, a veciñanza pode consultar o expediente tanto no departamento de Obras e Urbanismo -casa consistorial- os luns, mércores e venres de 11 a 13 h, como na web do Concello (https://cutt.ly/NZmH6oM ), e  formular as correspondentes alegacións, observacións e suxerencias.

Así, no documento identifícanse todas e cada unha das parcelas afectadas polas faixas secundarias de xestión de biomasa. Nese listado pódense consultar as referencias catastrais, a superficie total e a superficie de afección de cada unha das parcelas.

As redes secundarias teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais. Así mesmo, será obrigatorio para as persoas que resulten responsables xestionar a biomasa vexetal. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber determinadas especies arbóreas como eucaliptos e piñeiros.