O Plan de Urbanismo de Valdoviño entra na recta final da súa elaboración

O alcalde, Alberto González, analizou técnicamente o documento con Encarna Rivas, directora xeral de Urbanismo da Xunta, administración competente para a súa aprobación definitiva

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantiveron a semana pasada unha xuntanza de traballo para analizar o borrador do futuro Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) no que traballa o Concello. 

Durante a reunión, na que tamén participaron o arquitecto municipal, o concelleiro de Urbanismo e varios membros da empresa redactora, analizouse tecnicamente o documento, que acaba de entrar na recta final da súa elaboración. A previsión que manexa o Goberno municipal, de feito, é que nos próximos meses poida presentar o PXOM para sometelo a avaliación ambiental, o seguinte paso dentro da súa tramitación ante a Xunta de Galicia. 

Así, o obxectivo da reunión era resolver algunhas dúbidas antes de pechar a versión definitiva do borrador e obter unha impresión xeral do mesmo por parte do órgano urbanístico. Neste sentido, Encarna Rivas valorou que o documento aposte por un modelo territorial de concentración e non expansivo e pola reordenación do solo para dotar ao municipio de equipamentos e dotacións públicas dos que a día de hoxe carece. 

Así mesmo, no borrador do PXOM tamén se presta unha atención especial á lagoa da Frouxeira e outros espazos naturais localizados en Valdoviño, recollendo as afeccións de protección do patrimonio natural e de protección costeira que concorren no termo municipal. 

Cómpre lembrar que, día de hoxe, o concello de Valdoviño non conta con plan propio e réxese urbanisticamente por unhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas hai case 30 anos —concretamente, en 1993—. 

Por este motivo, o goberno local decidiu iniciar os trámites para dotarse dun planeamento propio e actualizado, un obxectivo para o cal a Xunta lle concedeu unha subvención de case 175.000 euros, equivalente ao 90% do custo estimado de redacción.