O Plan de Urbanismo de Valdoviño continúa coa fase de tramitación ambiental
O Concello de Valdoviño vén de remitir o documento á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, continuando así a tramitación do expediente, paso previo á súa aprobación inicial
Valdoviño, 16 de decembro de 2021. O Plan de Ordenación Municipal (PXOM) de Valdoviño continúa avanzando na súa tramitación administrativa. No día de onte, o Concello daba traslado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do borrador do Plan e o documento inicial estratéxico. Continúa así a fase de tramitación ambiental, paso previo á súa aprobación inicial.
Hai un ano, a empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) retomaba os traballos de elaboración do documento que marcará o desenvolvemento urbanístico do municipio nos próximos anos. O Concello víase na obriga de sacar de novo a concurso a redacción do documento despois de que a anterior empresa adxudicataria entrase en concurso de acreedores e renunciase ao contrato. Unha situación que, aínda que retrasou a elaboración do plan, non paralizaba a actividade respecto á planificación urbanística. E así, iniciábase a tramitación administrativa do expediente de delimitación de 38 novos núcleos rurais, aprobada inicialmente en pleno hai unhas semanas, e da modificación puntual do planeamento para a implantación de campamentos turísticos en Valdoviño. Tamén, a aprobación dos criterios interpretativos en relación coa inclusión en ámbitos de solo urbano consolidado do uso terciario como uso alternativo, compatible ou complementario co uso industrial e a aprobación dos criterios interpretativos en relación coa inclusión na ordenanza de solo de uso industrial compatible coa vivenda do uso terciario como uso alternativo, compatible ou complementario.