O pintor Alejos Lorenzo Vergara inaugura “DIA_LOGOS” este venres en Valdoviño

A exposición invita ao público a observar e reflexionar sobre os posibles vínculos das súas obras con outras doutros autores e épocas

Valdoviño, 10 de decembro do 2024. O pintor Alejos Lorenzo Vergara inaugura a mostra “DIA_LOGOS” este venres en Valdoviño. O acto dará comezo ás 19:30 horas na sala de exposicións temporais da casa da cultura, onde se poderá visitar a partir de entón ata o 13 de xaneiro (ata o día 22 de 11 a 14 h e de 16 a 19 h en días laborables, e do 23 de decembro ao 7 de xaneiro en horario de mañá tamén de luns a venres).

Segundo avanza o pintor, a mostra tenta establecer un diálogo entre o presente e o pasado invitando ao público a reflexionar sobre o que se pretende comunicar. O artista creou as obras que integran a exposición sen tomar outras como referencia, cando menos de forma consciente, pero co transcurso do tempo e de forma casual, segundo sinala, fóronse atopando varios vínculos con obras doutros autores de épocas moi diferentes, unha sinal inequívoca de que a arte, aínda que poida parecer que sempre xira ao redor dos mesmos temas, vaise actualizando en cada época e con cada novo autor, de modo que se establece un DIA_LOGO atemporal, como se se tratase dun raio de luz dun DIA perpetuo, inextinguible. Deste xeito, apuntala, a mostra é unha invitación a un observador atento para que, atopando e meditando sobre estes posibles vínculos entre as obras, se IN_CORPORE_ALA conversación.

Pintor e printmaker profesional afincado en Valdoviño dende hai case que 25 anos, Alejos Lorenzo Vergara ten exposto as súas obras en Nova Iork, Atlanta, California, Florida, Milán, París, Londres, Berlín, Beijing, Madrid ou Barcelona, e gran parte das súas creacións atópanse en Estados Unidos, en coleccións de prestixio como a Mayo Clinic. A súa obra é simbolista, de gran colorido e cun significado máis profundo do que a primeira vista podemos ver.