O petisco á feira do Teleclub de Vilaboa conquista a primeira edición do Pasea e Tapea

A consistorial acollía esta semana o sorteo de premios entre os 2.339 boletos e tarxetas entregadas pola clientela nos 4 días que durou o certame

Valdoviño, 9 de maio do 2025. O Concello celebraba esta semana o sorteo de premios da primeira edición do Pasea e Tapea por Valdoviño entre os 2.339 boletos e tarxetas entregadas pola clientela nas urnas repartidas polos 17 negocios de hostalería local que tomaban parte na iniciativa. Con el, concluía unha iniciativa de promoción e apoio ao sector servizos ligada tamén ao territorio, que terá continuidade dada a boa resposta de establecementos e público.

A sorte quixo que Andrés Pérez, de Ortigueira; Fina Díaz, de Valdoviño, e Ismael Taracido, de Cerdido, resultasen agraciados cunha cesta de produtos gastronómicos da terra, valorada nuns 100 euros. Ademais, Inés Domínguez, de Neda, foi a gañadora do xantar ou cea en concurso. Tras o reconto das votacións das tarxetas seladas en 12 dos locais pertencentes a 4 das 5 parroquias, tamén se daba a coñecer o nome da tapa gañadora do certame. Neste caso, a elección da clientela, que o tivo realmente complicado pola calidade das elaboracións, foi o «petisco á feira» do Teleclub de Vilaboa.

A entrega de premios, presidida polo alcalde, Alberto González, levarase a cabo o próximo xoves 15 de maio ás 20:00 horas no local gañador.