O paseo da lagoa da Frouxeira pecharase ao tránsito pola batida de xabarín autorizada pola Xunta para este sábado
O Concello de Valdoviño xa tiña solicitado á Administración autonómica a adopción de medidas de control da poboación desta especie
Valdoviño, 21 de xaneiro de 2022. O Concello de Valdoviño informa a veciños e visitantes de que o paseo da lagoa da Frouxeira pecharase ao tránsito durante este sábado 22 de xaneiro tras recibir a confirmación por parte da Xunta da autorización para levar a cabo unha batida de xabarín na zona por parte da Sociedade de Cazadores do municipio. Así, precintaranse os accesos do paseo (no tramo de terra) a partir das 9 horas, estimándose o remate da prohibición de tránsito sobre as 12 horas.
A batida contémplase como unha medida de control da poboación de xabarín, co ánimo de limitar os seus efectos sobre o medio, especialmente, sobre as explotacións agrarias. Nos últimos tempos os destrozos do xabarín no termo municipal van a máis, contabilizando cuantiosos danos en propiedade públicas e privadas, arrasando con plantacións e chegando a converterse nun perigo para a seguridade viaria. Feitos que levaron ao Concello de Valdoviño a solicitar á Xunta de Galicia, por escrito e en varias ocasións, medidas de control da poboación desta especie.